Sobre Sés

Cantora, compositora e referente da música galega contemporánea.

María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como SÉS, é unha das voces máis representativas da música galega contemporánea. O seu estilo propio nace da mistura de rock, blues, folk e canción de autor, cunha forte presenza da tradición galega e latinoamericana. As súas letras, cargadas de compromiso social, feminismo e reivindicación cultural, pero tamén de amor, convertérona nunha referencia dentro e fóra de Galicia.

Dende que en 2011 publicou o seu primeiro álbum, Admirando a condición, SÉS non parou de construír un discurso propio, sincero e directo que conecta cun público fiel. Ao longo da súa carreira publicou nove discos de estudo —Admirando a condición (2011), Co xenio destrozado (2013), Tronzar os valos (2015), Opoñerse á extinción (2016), Readmirando a condición (2017), Rabia ao silencio (2019), Liberar as arterias (2020), Diante un eco (2022) e Nadando na incerteza (2025)— nos que afonda nunha voz cada vez máis sólida e recoñecible, asumindo en todo momento o control creativo do proceso: composición, produción, gravación e cada detalle do resultado final.

Os seus traballos foron presentados en xiras por toda Galicia, así como noutras partes da península ibérica e en escenarios internacionais de Arxentina, Uruguai, México, Paraguai, O Salvador, Alemaña e Inglaterra. As súas cancións foron reproducidas en máis de vinte millóns de ocasións, un feito extraordinario tratándose dun idioma, o galego, que conta con só dous millóns de falantes. A súa capacidade para conectar coa xente e a súa forza interpretativa consolidárona como unha artista fundamental na escena musical galega, e como unha das voces galegas que máis fronteiras cruzou.

Novo traballo discográfico, o libro disco Nadando na incerteza.

Nadando na incerteza, publicado en novembro de 2025, é un libro disco acústico, íntimo e fundacional no que a canción se sitúa no centro, sen sobreproducións nin artificios. Doce temas concibidos para sosterse de seu, coa palabra e a melodía como eixos, e nos que SÉS reivindica a súa condición de cantora e facedora de cancións: “non son cantante, son cantora; necesito identificarme co que canto“.

Neste novo traballo conformado por 12 cancións, Sés controla todos os procesos creativos, desde a composición ata a gravación, produción e a mestura, consolidándose como unha das voces máis persoais e independentes da música galega contemporánea. Unha obra que amosa a madurez dunha creadora allea a modas e estereotipos, recoñecida pola súa forza no directo e pola fidelidade do seu públic e que presenta cunha nova xira por auditorios de Galicia e das principais cidades do Estado.